Saturday 30 de March de 2024

Diego Calvo gaba ao concello de Cambre polo seu traballo en mellorar os servizos asistenciais


O titular provincial agradeceu á Cruz Vermella o traballo que desenvolve en toda a provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, inaugurou esta mañá xunto ao alcalde de Cambre, Manuel Rivas, a nova sede da Cruz Vermella na Barcala. Durante o acto de presentación, o titular provincial gabou a labor que está levando a cabo o concello no ámbito dos servizos sociais e da asistencia de quen máis o necesita.

“Hai menos dun ano inaugurábamos en Sigrás a nova base de Protección Civil, outras instalacións para dar mellores servizos aos veciños que logrou sacar adiante Manuel Rivas, e agora facemos o propio coa Cruz Vermella”, sinalou Calvo, que agradeceu tamén o labor que desenvolve esta entidade sen ánimo de lucro en toda a provincia: “Sen vós as administracións públicas non poderiamos chegar a todos os que o precisan”.

Neste sentido, o titular provincial resaltou a estreita colaboración que a Deputación da Coruña mantén con Cruz Vermella. “Hai unhas semanas entregábamos unha embarcación en Sada, hoxe estamos aquí inaugurando este centro e nos próximos días entregaremos dúas ambulancias, unha en Ferrol e outra na Coruña”, sinalou Calvo.

O novo local de Cambre, que foi cedido polo concello e cuxa reforma foi sufragada grazas a un achega provincial de 45.000 euros (o 74% do orzamento total), abrirá as súas portas ao público o próximo xoves 22. Grazas a este centro de 150 metros cadrados a entidade poderá mellorar e aumentar o seu número de actividades, así como o número de usuarios. Pretende, por exemplo, reforzar o seu servizo de teleasistencia para maiores e levar a cabo proxectos de protección á infancia e campañas de sensibilización da cidadanía en cuestións como a violencia de xénero, primeiros auxilios e outros.

O presidente provincial de Cruz Vermella, Alfonso García López, que acudiu á inauguración, agradeceu a contribución de ambas administracións públicas e animou á cidadanía a sumarse ao seu traballo a través do voluntariado.

Manuel Rivas, sumouse aos agradecementos, á Cruz Vermella polo seu empeño en instalarse no municipio e á Deputación por responder ás demandas do concello.